Nais e Pais polo Ensino en Galego xorde como un colectivo -vinculado á Mesa pola Normalización Lingüística- constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexisténcia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Isto implica a imposibilidade de escolarizar e socializar ás nenas e nenos galegos na sua língua.
OBXECTIVOS
O obxectivo fundamental da asociación é conseguir o respeito dos dereitos lingüísticos das nenas e nenos galegos nunha etapa decisiva na adquisición e na consolidación do idioma. Como galegos e galegas desexamos ofrecer-lles aos nosos fillos e fillas unha educación e unha primeira aprendizaxe na nosa língua e a posibilidade de poder utilizala con naturalidade.
O papel do colectivo consiste en incidir no sector educativo e no entorno formativo -inicialmente na etapa infantil- para demandar a existéncia de ensinanzas e actividades extraescolares en galego, conseguir a publicación e comercialización de materiais de aprendizaxe e lecer que fagan posíbel e natural esta formación e emprender iniciativas que sensibilicen e abran o debate na poboación e nas institucións sobre a importancia da transmisión e o mantimento da língua nos meniños.
MOTIVACIÓN
Alén da salvagarda dos dereitos lingüísticos dos nenos e nenas, outros factores como a riqueza formativa que lle supón a aprendizaxe en galego e mesmo o futuro da língua fan necesária a existéncia dunha oferta de escolarización en língua galega.
As positivas atitudes da poboación cara a ela reforzan estas ideas: tomando os dados do Mapa sociolingüístico de Galiza e mais do Estudo sociolingüístico sobre a situación da língua galega no Concello de Vigo, a nosa demanda fúndase, dunha banda, na inquedanza que provoca a perda do galego como língua de transmisión interxeracional e mais a perda de terreo do galego como língua habitual e, doutra banda, na demanda por parte dunha gran maioria da poboación de accións necesárias para fomentar o uso da língua.
A máis, como a propia Xunta recoñece, o actual marco legal para o uso do galego nos centros de ensino non cumpre os seus obxectivos, pois "...non se está a cumprir o espírito, e tampouco a letra do Decreto. Isto concrétase no nulo ou escaso número de horas en que empregan o galego e ten a súa consecuencia no insatisfactório nível que se detecta por parte do profesorado dos ciclos posteriores" (resposta da Dirección Xeral de Política Lingüística a unha demanda d’A Mesa ante o Valedor do Pobo).
ÁMBITOS DE ACTUACIÓN
Na nosa actividade como asociación estamos a dirixir-nos a todas aquelas entidades que participan no universo formativo, entendendo por tales tanto as que ofrecen unha educación regulada como non regulada, no sector público e mais no privado e nos colectivos implicados na formación escolar ou extraescolar de todos os níveis.
Inicialmente decidimos incidir no sector máis desleixado en canto ao uso da língua por parte destas entidades: a educación infantil (0-6 anos). Así mesmo, pretendemos desenvolver un labor de sensibilización nos familiares e persoas do entorno dos nenos e nenas sobre a importáncia e o valor que supón na formación dos cativos unha aprendizaxe en língua galega.
http://www.amesanl.org/npeg/