Un currículo optimista fronte á desmemoria e o fatalismo
Lección Inaugural na solemne apertura do Curso Académico 2001-2002 da Universidade da Coruña
(…) Sendo realistas, é necesario recoñecer, máis unha vez, que en determinadas aprendizaxes teñen conseguido maior prestixio que as institucións escolares, por exemplo, na aprendizaxe de idiomas, de música, de informática, na divulgación científica, etc. A maioría das conceptualizacións sobre a escola e o traballo escolar viñeron asumindo o rol docente como o dun traballador, unha traballadora ou profesional cun notábel grao de ahistoricidade, descontextualizado. A penas se veu preparándoos para que aprendesen a tomar en consideración o marco social, económico, cultural e político no que se desenvolve o seu traballo.
Entre outras cosas, porque tampouco este tipo de contidos culturais son parte importante da formación do profesorado de Eeducación Infantil e Primaria, nin do de niveis superiores, na medida en que a disciplinariedade que caracteriza a súa formación non permite establecer conexións informativas máis ricas que faciliten unha comprensión máis real do que está a acontecer no mundo no que vivimos.
Varias son as explicacións desta situación. Sen embargo, unha das situacións que continúa a reforzar este panorama é o rearme das opcións políticas conservadoras e neoliberais. Estas políticas inciden en que as cuestións sociais referidas ás desigualdades e formas de opresión, os asuntos que teñen que ver coa loita contra o racismo, o sexismo, o idadismo, os fundamentalismos relixiosos e políticos, o clasismo sexan contemplados como perigosos e que poden complicarnos a vida. Por iso mesmo, unha saída típica está sendo o escapismo.
Vénse considerando que estas cuestións son problemas moi importantes, pero demasiado complexos e que non temos por qué introducir asuntos conflitivos nas aulas e problematizar aos nenos e nenas que alí acoden. Para a inmensa maioría de persoas que pasaron polas aulas escolares e para as que no día de hoxe as seguen ocupando, os contidos escolares costuman resultar demasiado abstractos, referidos a situacións e espacios ahistóricos, imprecisos, indefinidos, nada concretos. Parece existir unha preocupación máis por memorizar fórmulas, dados e xeneralizacións descontextualizadas que por chamar a atención cara a realidades concretas, tanto afastadas como locais. (…)