Proxecto “Ensigna”: o CESGA deseña unha metodoloxía para a aprendizaxe da lingua de signos usando as Tecnoloxías da Comunicación e da Información
– A finalidade do proxecto “Ensigna” é facer chegar a lingua de signos a todas as persoas interesadas na súa aprendizaxe, a partir dunha metodoloxía que aproveita as potencialidades que ofrecen as novas tecnoloxías
– No proxecto participan grupos de investigación da Facultade de Pedagoxía da Universidade de Santiago, a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e a consultora viguesa Femxa
– A iniciativa conta co apoio económico da Consellería de Innovación e Industria a través do Plan galego de I+D+i
O Centro de Supercomputación de Galicia -CESGA- está a levar adiante un proxecto de investigación que consiste en desenvolver unha nova metodoloxía para a aprendizaxe da lingua de signos facendo uso das Tecnoloxías da Comunicación e a Información -TIC-. A iniciativa baséase na análise das máis novidosas ferramentas TIC para facilitar a aprendizaxe da lingua española de signos a todas as persoas interesadas. Para levar adiante o proxecto, o CESGA conta coa colaboración da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia; do Grupo de Innovación e Tecnoloxía Educativa da Facultade de Pedagoxía da Universidade de Santiago de Compostela, que posúe unha grande experiencia no deseño e avaliación de propostas TIC aplicadas ao ensino e da empresa viguesa Femxa, unha consultora especializada na xestión e no desenvolvemento de plans de formación aproveitando as TIC. Esta compañía aportaralle ao proxecto a súa experiencia empresarial no desenvolvemento dos contidos multimedia piloto, así como na avaliación da proposta dende o punto de vista empresarial. A iniciativa conta co apoio económico do Plan Galego de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria, a través do Programa de Ciencias Sociais.
EN GALIZA, MÁIS DE 75 MIL PERSOAS TEÑEN PROBLEMAS DE AUDICIÓN
Segundo os datos que manexa a Xunta de Galicia -censo de poboación con minusvalía do ano 2005- o número total de persoas xordas en Galiza supera as dez mil (exactamente, 10.222). Porén, a realidade amosa que non todas as persoas xordas teñen certificado de minusvalía, polo que este número podería ser superior. Segundo datos do INE -Enquisa de Discapacidades, Minusvalías e Estado de Saúde do ano 1999-, o número de persoas con problemas de audición supera en Galicia as 75 mil (76.626).
Polo que respecta á lingua de signos, trátase dunha lingua de carácter viso-xestual, é dicir, que emprega como canle fundamental a visión (na percepción) e a xestualidade (na expresión). É, xa que logo, a lingua natural daquelas persoas que carecen de audición e que, grazas a ela, poden ter acceso íntegro ao mundo. Non obstante, e por mor dunha tradición educativa que primaba a homoxeneidade fronte á atención a diversidade, a Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria, meirande parte das persoas xordas non tiveron acceso á lingua de signos no sistema educativo dende a súa infancia. María Teresa López, responsable do proxecto “Ensigna” na Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, asegura que os resultados máis graves de todo isto “son as carencias xerais respecto ao coñecemento do mundo, habilidades sociais, acceso á información e todo o que disto deriva. É habitual observar, por exemplo, importantes niveis de fracaso escolar, o que conleva, inevitablemente, un desenvolvemento de actividades laborais de baixa cualificación”.
Polo que respecta ao proxecto de investigación, María José Rodríguez, investigadora principal, matiza que a finalidade última non é conseguir un programa informático: “Do que se trata -explica- é de investigar e de avaliar a bondade da utilización de diferentes TIC aplicadas ao proceso de aprendizaxe da linguaxe de signos, mediante a aplicación dunhas metodoloxías de aprendizaxe que fagan uso das mesmas do mellor xeito posible”.
APOSTAR POLA FORMACIÓN DAS PERSOAS OUVINTES NA LINGUA DE SIGNOS
Outra das características que presenta este proxecto está nos seus destinatarios, xa que non se limita só ás persoas xordas senón que se extende a todas aquelas que estén interesadas na súa aprendizaxe. Segundo afirma María Teresa López, “o feito de apostar pola formación na lingua de signos das persoas ouvintes tén unha dobre repercusión. Por unha banda, aprenden unha lingua nova e moi enriquecedora dende o punto de vista lingüístico. Por outra, cantas máis persoas ouvintes coñezan e empreguen esta lingua, máis calidade terá a participación social do colectivo xordo”. María José Rodríguez, pola súa parte, recoñece que, na actualidade, existen no mercado algunhas iniciativas neste eido, “pero limítanse a presentar o vocabulario da lingua de signos mediante vídeos e imaxes ou á descripción escrita de elementos da lingua. Ningunha fai uso das potencialidades que nos ofrecen as novas ferramentas da comunicación, nin tampouco propoñen unha interacción entre alumnos e profesores mediante as TIC”, declara.
Na actualidade, o proxecto “Ensigna” atópase nunha fase piloto que consiste na elaboración de dúas unidades didácticas iniciais para un aprendiz que non posúa uns coñecementos previos nesta lingua. O seguinte paso terá lugar durante os meses de setembro e outubro, datas nas que se realizará unha proba de campo cun grupo experimental e cuxos resultados se avaliarán posteriormente dende os diferentes puntos de vista que integran o proxecto (tecnolóxico, metodolóxico, didáctico e económico).
María Teresa López, da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, explica que o obxectivo é conseguir a continuidade do proxecto a través de dúas vías: “Por unha parte, coa elaboración completa do nivel de usuario básico, tomando como referencia o Marco Europeo para o Ensino de Linguas Extranxeiras. Por outra parte, como unha investigación de campo, tomando como informantes aos alumnos da experiencia piloto, o que nos permitirá valorar a súa efectividade”, declara.
O CESGA é un centro de cálculo, comunicacións de altas prestacións e servizos avanzados que atende a demanda da comunidade científica galega, do sistema académico universitario e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A súa creación data do ano 1993. O proxecto “Ensigna” atópase entre as máis de cen iniciativas de I+D+i desenvolvidas por este organismo e que impactaron positivamente na mellora da calidade de vida dos cidadáns. Este labor foi recoñecido recentemente polo semanario ComputerWorld, que lle concedeu un dos seus premios ComputerWorld á Modernización TIC 2006, concretamente o que se centra no Impacto no Cidadán. Coa concesión deste premio, o semanario quixo valorar o esforzo realizado polo CESGA para mellorar a relación coa sociedade a través de proxectos cuxa execución e resultados levan consigo melloras tanxibles para distintos grupos de cidadáns e o seu entorno.
Persoas de contacto: Dna María José Rodríguez, investigadora principal. Tfno: 981569810; e María Teresa López, responsable do proxecto “Ensigna” na Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. Tfno: 981169336